Pega no livro

Clubes de leitura da Galiza com algum livro em português

Un ano de vida para o Clube de lectura Paco Martín (Bretoña)

Era un tarde húmida; choiva, aire norteo de Carracedo, unha cheminea que non tira. O típico día de inverno nunha vila entre a mariña e a chaira: Bretoña.

Durante os días previos, os membros do Club de lectura Paco Martín andaron atarefados para deixar o Teleclube o máis presentable posible; cadeiras novas, unha vasoira que limpa o chan, as estufas quentando o ambiente, empanadas da terra,…

O sábado 29 decembro celebrábase o primeiro aniversario do club. O seu nome está adicado a unha figura literaria lucense: Paco Martín. Non podía ser de outro xeito; veu Paco Martín para celebrar o evento.

As cinco da tarde, todo listo. As primeiras persoas empezan a chegar ao teleclube. Entre os máis puntuais, Paco Martín e varios membros da súa familia. Paco deixou unha pegada fonda en Bretoña -onde foi mestre nos anos oitenta- e nos seus habitantes. Moitos britoniense foron alumnos. Algúns lembran as súas clases, outros os seus tiróns de orellas. Paco estaba de novo no teleclube, o mesmo teleclube no que dera clases trinta anos atrás. Algún dos seus ex-alumnos estaban presentes.

Un grupo nutrido de xente achegouse; máis dunha vintena, menos dunha trintena. Todo por escoitar a Paco. Algúns tamén por degustar os sabores dos petiscos. Outros por ouvir os contos da xente de Bretoña a carón do lume: lume imaxinario.

A velada animase escoitando as anécdotas de Paco. As súas lembranzas do seu paso por Bretoña. A importancia que tivo esa vila na súa carreira literaria. Lembra como “Das cousas de Ramón Lamote” se xesta nesta vila con tanta historia.

Deixa, unhas cantas frases para a reflexión:

O libro é deses que nace cunha flor no cu”

Paco Martín, en referencia ao éxito de “Das cousas de Ramón Lamote”

O humor só manca aos estúpidos. É unha arma magnifica”

Cando é preguntado pola acidez de “Das cousas de Ramón Lamote” contra os políticos.

Na charla, animada polas intervencións de varios asistentes, saen a palestra figuras do talle de Álvaro Cunqueiro ou Manuel María. Entre os asistentes encontrase Primitivo Iglesias, Rexedor do Concello de A Pastoriza e catedrático de lingua e literatura galega, que aportou pingas interesantes a unha discusión de moitos quilates.

Sobre a figura de Cunqueiro as referencias foron continuas. Martín desprende, a longo de toda a charla, unha forte admiración por Cunqueiro. Textualmente di:

Cunqueiro é un dos mellores escritores que deu o século XX”

Paco Martín

Neste senso fai unha relación dos fortes lazos que ten Cunqueiro co Concello de A Pastoriza, onde, por exemplo, ten lugar algún dos relatos de Cunqueiro: “Melle de Loboso”. Tamén se destacan as referencias cunqueirianas a unha personaxe importante na Bretoña do século XX; o cura grande de Bretoña, do que todos os britonienses escoitamos.

Paco non pode obviar -na súa charla- a grande capacidade de fabular de Cunqueiro. Desvela como o propio Álvaro lle conta con detalle unha novela que presuntamente está escribir pero que en realidade non é máis que froito dunha espontánea improvisación. Manuel María -revela Martín- tamén é vítima de Cunqueiro ao relatarlle toda a trama dunha obra de teatro na que presuntamente estaba a traballar: era falso.

Pese a ter un político na sala. Os ataques contra esta clase son finos coma un insecto pao e picantes coma o lombo dun “lizcacheiro”.

Os políticos non tiñan que ler máis; tiñan que ler algo”

Paco Martín

A anterior frase céntranos de novo no libro “Das cousas de Ramón Lamote” e a visita que fai Lamote a casa do rexedor, onde, tras facer máis pracenteira a espera cun libro, a muller do rexedor lle di a Lamote, que o seu home, unha vez ollara un. Simplemente xenial.

No punto álxido da disertación, Paco Martín, revela o seu truco de escritor, para, cando necesita un nome para unha personaxe e non se lle ocorre nada; as necrolóxicas do diario “El Progreso”. Falta o máis sorpréndete. Cando Paco Martín -o escritor- recibe una chamada de Ramón Lamote -a persoa-. Incluso chegan a dar un paseo xuntos por Lugo. O señor Ramón Lamote vive e reside en Tarragona.

A charla vai rematando. Tocase outro tema interesante para finalizar: escribir en galego nos anos setenta e oitenta.

O feito de escribir en galego facía que as autoridades te miraran mal”

Paco Martín

Imagem

Tras o coloquio chega o momento para que as xentes de Bretoña sexan as protagonistas. Contos, contos e mais. Contos a carón do lume sen lume.

Algúns dos mellores conta contos da bisbarra están presentes celebrando o aniversario do club de lectura; José de Mel, Siro Chao, Leonor de Quilino, Celina de Francos,… Todos rememoran vellas historias presentes no imaxinario colectivo da parroquia, intercalándoas con outros contos imaxinarios, mostrando as súas habilidades para cativar aos presentes.

O tempo pasa caladiño pero rápido, empezamos fai un par de horas: xa é de noite. Pasa o tempo da formalidade; chea o tempo da troula. Deixamos a cadeiras a un lado e achegamos a unha mesa chea de pequenos tesouros; pequena empanada, pequenos freixós, pequenos vasos de viño do pais… É o momento da charla distendida, mentres se enche o bandullo. O momento de confraternizar. O tempo de arranxar o país.

Pasa o tempo. Paulatinamente a xente vaise despedindo ata outra ocasión. Os máis atrasados apuran un pouco de chocolate e uns doces romaneses que comemos coma se levásemos varios días de xaxún. A guinda final, pona un licor romanés que entra moi ben cando estás sentado, pero, que despois non quere deixar que te ergas.

Así discursou o primeiro aniversario do club de lectura Paco Martín. Así agardamos que sexa o segundo,… ou mellor se cabe.

Imagem

Texto e fotografias: Seve (Bretoña)

Anúncios

Autor: peganolivro

Clubes de leitura da Galiza com algum livro em português

Os comentários estão desativados.