Pega no livro

Clubes de leitura da Galiza com algum livro em português

Todo se esfarela (Chinua Achebe)

Maquetación 1

É a vida dentro da tribo Ibo á que pertence o protagonista, Okonkwo, un guerreiro orgulloso do seu pobo e das súas tradicións.

A acción transcorre en Nixeria, a finais do século XIX. É unha narración rica en imaxes cheas de realismo e autenticidade dun mundo pouco coñecido para o “home branco”.

A tradición oral está moi presente ó longo de todo o relato: cantares, expresións idiomáticas, nomes de persoas, e as diferentesmaneiras de expresar a realidade na lingua autóctona, non fan senón contribuir a enraizalo aínda máis na realidade que o produce.

  • Toda a novela é un documento etnográfico que nos axuda a ver, de xeito cinematográfico, a sucesión de acontecementose o vivir cotián dentro do grupo tribal e as relacións intertribais do entorno máis próximo.

  • A familia: coñecemos o interior do clan a través do protagonista. Sabemos que seu pai era preguiceiro e que esa eiva era un defecto malo de aceptar no seo da tribo, que lle debía a todos e que non pagaba as débedas. As varias esposas de cada home, os fillos, a harmonía reinante entre elas, atarefadas na crianza dos fillos e no servizo ó home-patrón-dono.

  • Retazos de poesía dentro dunha prosa rica e viva: “algún miñato navegando pausadamente no ceo azul”. “O seu corpo brillaba (o corpo das rapazas bailando) co sándalo iluminado pola luz amarelenta”.

  • A música é unha constante no día a día da tribo, facéndose imprescindible nos acontecementos que marcan o ritmo da vida:enterros, ano novo do iñame, vodas, ofrendas ós deuses. Ritmos frenéticos se a situación o require ou golpes de tambor anunciando unha morte. Instrumentos de madeira, arxila e metal.

  • Alimentos e bebidas: viño de palma, as noces de cola, a sopa de berza amarga, o fufu, e por riba de todo, o iñame. Da súa colleita depende a supervivencia do clan. Para as grandes ocasións mátanse ademais cabras e pitas.

  • Climatoloxía: chuvas intensas e persistentes na estación húmida e secas prolongadas cun sol abrasador como corresponde a unha zona tropical.

  • As conversas: a arte da palabra goza de grande consideración entre os Ibo. Os proverbios son o aliño das conversacións.

  • Os títulos: Só os homes respetables e considerados importantes os van adquirindo ó longo da vida. Morrer sen título ningún é unha vergoña dentro da tribo (como lle pasou ó pai de Okonkwo). Aínda ben que a valía dos fillos non se mide polo que fora o pai senón por méritos propios.

  • Guerreiro e loitador: un home que non o fose sería considerado efeminado. Ser afoutado e hábil na loita desde novo, como era Okonkwo, era motivo de orgullo na propia tribo e de prestixio nas aldeas da contorna.

  • A riqueza e o poder medíanse polo número de iñames que enchían o celeiro.

  • Respeto da idade: factor a ter en conta, pero o que contaba sobre todo eran os logros e os títulos acadados.

  • Sacrificios humanos: rapaces novos ofrecidos polos veciños a tribo rival para evitar guerras e derramamento de sangue. Se o oráculo o aconsellaba, tiñan que ser sacrificados.

  • Emprego da forza física contra as mulleres: as malleiras ás esposas, no caso de Okonkwo, repítense unha e outra vez: “zurrou nela con gran violencia”. Os veciños sentírona chorar e berraban preguntando que pasaba : “nunca tal se oíra”. As outras dúa mulleres suplicáronlle que parara de bater nela. “Pero el non era dos que se detiña no medio dunha malleira”. Algunha muller ten que fuxir do home para salvar a vida.

  • Carácter de Okonkwo: duro, orgulloso, intolerante con quen non concordara co seu pensamento. Un home, para el, tiña que posuír un título polo menos e ser traballador ou bo guerreiro. Se carecía dalgunha destas cousas non dubidaba en calificalo de “muller”. Era considerado coma un “rei”: foi elexido coma mensaxeiro para evitar unha guerra para expiar o asasinato da muller dun membro do clan. A cambio recibiron unha virxe para o home e un rapaz que se integrou na familia de Okonkwo.

  • Pouco ou nada emotivo: nunca mostraba outra emoción que non fora a cólera. Mostrar afecto era sinal de debilidade. Con todo, queríalle ben ó rapaz que lle foi entregado así coma á filla da súa esposa número dous: o rapaz chamáballe “pai” e da nena favorita, sempre se queixaba que non fose un rapaz.

  • Colérico incontrolable: quebrou a Semana da Paz batendo nunha das súas mulleres porque non lle tiña a comida preparada. Tan fóra de si estaba que esqueceu en que datas estaban. O sacerdote foino reprender e negouse a compartir con el a noz de cola “cun home que non respeta os nosos deuses”. “Non exculpo a túa muller, mais aínda que a atopases co seu amante enriba seguirás cometendo unha aldraxe se bateses nela”. “O que fixeches pode arruinar todo o clan. A deusa da terra pode negarse a darnos os seus froitos”. Todo isto fálanos dunha:

  • Repercusión social dunha acción individual. Okonkwo cumpriu o castigo imposto e estaba arrepentido pero non o ía recoñecer ante os veciños. Era grave romper a paz nunha semana onde mesmo morrer resultaba repugnante e os mortos nesa data non eran enterrados senón que se tiraban na “Fraga Maldita”.

  • Sementeira dos iñames: trala semana da paz tocaba preparar os iñames para seren sementados. Unha arte difícil a de cortalos para a semente. Simbolizan a masculinidade. É o cultivo rei e é moi esixente nestas tarefas. É unha tarefa dura que supón traballar arreo de sol a sol mantendo unha atención constante.

  • Os iñames tamén forman parte da dote de casamento.

  • Labores das mulleres: botaban millo, melóns e feixóns entre os iñames. Eran as encargadas tamén de arrincar as malas herbas e de buscar leña ó mato.

  • Festa do iñame novo: acción de grazas á deusa Terra, a divindade máis presente no pobo. Os iñames vellos guindábanse pois o ano novo tiña que empezar cos iñames novos.

  • Honra dos devanceiros: culto ós mortos antes da colleita. Ofrenda do iñame novo ós antepasados.

  • Comidas de festa nas que o iñame era o protagonista. Viñan convidados de lonxe e por moito que se comera, sempre sobraban moreas de comida. Viñan os familiares das mulleres pero a Okonkwo non lle chistaban tantos días folgando: pasábao mellor traballando. Para as festas os corpos, así como as cabanas, eran pintados de cores.

  • Outra mostra do carácter colérico de Okonkwo. Pouca cousa precisaba para enfadarse e de que maneira: por unhas follas de plataneiro, pegoulle unha soberana malleira á segunda esposa. Por oirlle dicir que non era un grande cazador, apertou o gatillo contra ella. “Ela gabeaba pola parede do celeiro arriba”.

  • Gusto da loita: danza da loita, sons dos tambores. O desexo de loita era para Okonkwo coma desexar unha muller.

  • Visión panorámica – e cinematográfica- da festa: disposición dos membros da tribo. Un círculo perfecto co centro libre para os loitadores.Bailes e sons dos tambores. Perfecta descripción que nos fai visualizar as danzas e o ritmo da festa. Percursionistas, loita, espíritos protectores, sacerdotisas, ringleiras de participantes. Combate. “Os tambores tolearon e a xente tamén”.

Okonkwo sempre desexou que o máis vello do seus fillos varóns fose máis decidido e menos efeminado. El sempre pensaba que saía á nai porque non quería recoñecer que a quen se parecía era a seu avó, o pai de Okonkwo. Estáballe moi agradecido ó rapaz que lle entregaran porque este si era como tiña que ser un home e estaba sendo unha influencia positiva para o seu fillo.

3 condicións tiña que reunir un home:

  • ser quen de gobernar a casa

  • que fose próspero, cun celeiro grande

  • que refungase contra as mulleres para, no seu momento, saber controlar as súas esposas.

Okonkwo contáballes ós rapaces historias de homes “violentas e sanguinarias”.

O fillo sabía que o bo era ser masculino e violento pero prefería a tenrura da nai e os seus contos de tartarugas e paxaros.

Unha praga de lagostas anubrou o ceo de tal xeito que virouse negro. Iso presaxiaba unha noticia tamén negra: a aldea decidira matar o rapaz acollido por Okonkwo. O Oráculo así o revelara. O home máis vello da aldea veulle avisar que non se metera en nada que tivera que ver coa morte do rapaz que tiña coma un fillo.

Descripción maxistral da marcha do rapaz e dos homes da aldea cara o lugar onde o ían sacrificar. En primeiro desconfiou. Logo desbotou o medo. Berrábanlle que non mirara para atrás onde viña o que el chamaba “pai”. Un home desenfundou o machete. Okonkwo apartou a vista. Oiuno berrar:

pai, matáronme”. Okonkwo sacou o machete e rematouno: “non quería que pensaran que era un mexericas”.

Cando á noite regresou á casa, o fillo máis vello sentiu que algo se lle quebrara por dentro cando veu a seu pai e soubo, sen que el llo dixera, que mataran ó seu compañeiro.

Okonkwo estivo tres día sen comer, só bebendo viño de palma e tiña os ollos tan vermellos e enfurecidos que o propio fillo tíñalle medo. Quería esquecer ó rapaz morto; sendo época de traballo seríalle máis doado, pero era época de descansoentre a colleita e a sementeira. Pregúntase a si mesmo “cando te convertiches nunha vella mexeriqueira?”.

Non queda outra que cumprir as leis do noso pobo” di Okonkwo, ó que un amigo seu lle retruca :

non sei de onde sacamos esa lei”.

Hai dous tipos de crimes: macho e femia. Okonkwo cometera o femia no funeral dun grande home da tribo. Non fora intencionado cando no funeral, o fillo do finado, de 16 anos, estivera a bailar a danza de despedida a seu pai xunto a seus irmáns. O fusil de Okonkwo disparárase e un anaco de ferro furáralle o corazón ó cativo.Non lle quedaba máis que fuxir.

Non podía regresar ata pasados 7 anos. Os homes prendéranlle lume ás súas casas: era a xustiza da deusa Terra. Sen xenreira contra Okonkwo, estaban a limpar a terra que el manchara co sangue dun home do clan

Refuxiouse na terra da nai. Levaba tres esposas e once fillos. Foi recibido por un tío seu e os curmáns regaláronlle semente dos iñames. Construiu tres cabanas para as mulleres e fillos. Traballou duro mais xa non gozaba traballando coma cando era novo. Asúa paixón fora converterse en señor do clan e apunto estivo de conseguilo, mais, cousa do destino, logo TODO SE ESFARELARA.

O máis vello do pobo dille que “Non hai ninguén para quen todo está ben” e que non se sinta desgraciado.

Xemelgos e albinos son considerados malditos no clan. O home branco, O COLONIZADOR, foi en primeiro confundido cun albino mais o Oráculo dixo que outros homes brancos viñan de camiño: “como lagostas”. O primeiro era un mensaxeiro que enviaran para explorar o terreo, por iso o mataron.

Para vingar a morte do mensaxeiro, os homes brancos dispararon no mercado cheo de xente e mataron a todos, agás os vellos e enfermos.

Agora tiñan medo do home branco do que se oen historias como que levan escravos alén do mar e que fabrican potentes armas.

Dous anos máis tarde as cousas ían aínda peor: os misioneiros chegaran á terra de Okonkwo, construiron unha igrexa, lograran unha manchea de conversos e xa enviaran máis predicadores. Os conversos non eran xente de peso na asemblea e ningún tiña títulos, “os excrementos do clan”.

A chegada dos misioneiros causou grande confusión. Falaban cun acento que daba risa e precisaban dun intérprete obi. Falábanlles de Xesucristo e da Santa Trinidade. Okonkwo pensa que aquel home estaba tolo. O seu fillo máis vello, pola contra, quedou enfeitizado. O cántico que falaba de irmáns traíllalle á cabeza a historia dos xemelgos que choraban no mato e a do seu amigo que mataran.

Os vellos da aldea déronlles un regalo envenenado: un terreo na Fraga Maldita para que construiran unha igrexa. Alí eran enterrados os que tiñan enfermidades demoníacas. Querían terreo, pois tiñan terreo, asentiron rindo os vellos e os misioneiros déronlles as grazas.

Esperaban que a maldición non tardaría nin tres días en caer sobre eles pero non foi así. Por iso, pensaron que o fetiche do home branco tiña poderes incribles.

O fillo de Okonkwo acabou sendo un converso : “Benaventurado o que renuncia ó seu pai e á súa nai para seguirme”.

Ante Deus non hai escravos nin homes libres”·

Todos somos fillos de Deus e temos que acoller os nosos irmáns”.

Okonkwo empezara a ter un certo papel na terra do exilio e dixo que ata que non “corresen aquela gandallada a lostregadas non habería paz”.

O número de conversos non fai senón medrar. Un pregoeiro percorre a aldea anunciando que quedan excluidos do clan.

Volta á terra de seu pai. Tras 7 anos de ausencia, as cousas cambiaran moito. Os brancos non só instalaran a igrexa alí senón tamén un goberno. Chegaron silandeiros e amigables e TODO SE ESFARELOU.

O home branco tamén trouxo o comercio e os cartos entraban a esgalla.

Crearon escolas pois os futuros xefes terían que saber ler e escribir.

As menciñas do home branco facían efecto axiña.

A misión gañou grande prestixio social.

Ninguén prestaba atención á chegada de Okonkwo. El choraba polo clan pois vía que

TODO SE ESTABA ESFARELANDO.

Vestiuse de guerreiro e matou un home branco. O administrador do distrito foino buscar. Estaba pendurado dunha árbore.

Que un home se quite a vida é abominable. É unha aldraxe a terra. Non pode ser enterrado polos do seu clan. O seu corpo é maldito e só os forasteiros poden tocalo.

Vós levástelo á morte”

Ironía do narrador á hora de falar do posible parágrafo a que daría lugar a historia de Okonkwo no libro que pensaba escribir o administrador: “A pacificación das tribos primitivas do Baixo Níxer”.

Clube Lendo lendas

Anúncios

Autor: peganolivro

Clubes de leitura da Galiza com algum livro em português

Os comentários estão desativados.