Pega no livro

Clubes de leitura da Galiza com algum livro em português

Queridos clásicos, lobo querido, querido Peter Pan

No passado 15 de março o clube da Cultura do País reuniu-se para falar de Vermella con Lobos, de Carmen Blanco. Na sessão de debate contamos com a presença da autora, que disponibilizou este texto relacionado com o livro, para divulgar no blogue. Foi publicado originariamente no número 10 da revista Fada Morgana, correspondente aos anos 2004-5.

Fique aqui o nosso agradecimento a ela por participar na sessão e disponibilizar o texto.

Imagem

Um momento da conversa em Lugo.

Queridos clásicos, lobo querido, querido Peter Pan

Carmen Blanco

Queridos clásicos, lobo querido, querido Peter Pan…, ámovos a todos, teño que dicir eu tratándose dos contos clásicos infantís e xuvenís, tanto os pertencentes á literatura tradicional como as grandes obras de autoría recoñecida, porque amo profundamente estas creacións, e ámoas de dúas maneiras, como creo deben ser amadas, coa intelixencia racional, polas profundas verdades que encerran, e coa intelixencia máxica, polos múltiples soños que gardan.

A miña nai contábame os contos tradicionais e os Contos das mil e unha noites e eu lía A sereíña, Peter Pan e os dous libros de Alicia e medrei namorada do lobo, de Simbad o mariño e de Peter Pan e sendo Carapucha Vermella e sendo a Bela Dormente do bosque e sendo Alicia no país das marabillas e sendo Simbad. Co tempo coñecín tamén as historias das sereas galaicas, das capitás ou das peeiras dos lobos, todas as historias reais e fantásticas dos lobos e da licantropía, de todas as sereas do mundo e das mulleres e dos homes que corren e bailan cos lobos e recrei amores de sereas e lobos mariños, de nenas e mulleres que dormen cos lobos e de lobos libres e mulleres libres que se aman e de sereas libres que se encontran con Ulises libres. Cando tiven a miña filla e lle contaba os contos clásicos tiña que irllos cambiando seguindo unhas novas historias cada vez máis libres, libertadoras, libertarias e liberadoras, porque ela quería e porque quería eu: aínda conservamos algún conto editado cun final cambiado engadido por min a man.

Os contos clásicos naceron para cumprir unhas determinadas necesidades creativas, tanto persoais como sociais e sobreviviron porque seguían cumprindo algunhas desas mesmas necesidades vitais, aínda que só fosen as máxicas ou as estéticas. De feito, os relatos tradicionais fóronse transformando segundo as distintas vontades de tempo e lugar ata que permaneceron fixados polas versións escritas. Mais uns e outros pasaron a formar parte do noso imaxinario occidental, como os mitos, e deron lugar a moi diversas versións e recreacións artísticas. Os clásicos sono se están vivos e están vivos se se recrean. A maneira primixenia de recrealos é contalos e recontalos sendo fieis a unha coñecida versión ou adaptándoos ás máis diversas necesidades comunicativas. Por suposto, o xeito máis doado de recrealos é lelos sen máis nas súas varias versións. Mais un dos modos máis creativos de darlles vida é reescribilos ou refacelos en calquera outro soporte artístico. Estas últimas recreacións, como as orais, poden ir desde a mera adaptación ata a crítica subversión, pasando pola simple homenaxe, aínda que toda recreación sexa sempre unha homenaxe, incluída a que dinamita a idea matriz.

En Vermella con lobos quixen facer por enriba de todo unha homenaxe a algúns dos contos clásicos que máis me gustaban, pero, por suposto, unha homenaxe todo o subversiva canto son eu, unha homenaxe dinamitadora intelectual de todo o poder que contiñan. Carapucha Vermella, Peter Pan, As mil e unha noites, A sereíña, Bucles de ouro ou Os tres osiños, Brancaneves, A bela dormente do bosque, Cincenta, Barba azul e Alicia no país das marabillas son, coa máis absoluta liberdade, contados, cantados, desencantados e voltos a encantar por min para que encanten de novo nuns novos tempos libres de poder. Foron feitos para min e pensando en min, para liberarme dos poderes impostos que tratan de impedir que poda vivir en liberdade; mais sobre todo foron feitos pensando na miña filla e en todas as mozas e os mozos merecedores dun mundo novo con contos novos no que os contos vellos se conten, lean e coñezan como as persoas ateas contamos, lemos e coñecemos a Biblia, como un marabilloso conto vello.Eu quixen facer unha homenaxe que o fose ás profundas verdades humanas que eses contos contiñan sobre o amor e a liberdade, e, de feito, Vermella con lobos reúne dez contos de amor e liberdade. Mais en moitos casos esas verdades estaban ocultas, amordazadas polas súas contrarias, o odio e a escravitude. Entón eu tiven que desconstruír, coa intelixencia do cerebro e do corazón, as historias, desde as súas máis remotas orixes, para que aflorase a súa verdade enterrada, que así saía, subversiva, á superficie, como a lava dun volcán en erupción, mostrando as cinzas desfeitas do poder que a ocultaba e brillando nela vermella a liberdade, que non pode existir sen amor.

 51+Qwv2JU5L._SY300_

Así Vermella con lobos contén dez contos libertarios contra todo poder e, polo tanto, tamén dez contos feministas contra o poder sexual e dez contos que falan, entre outras moitísimas cousas, de posicións de homes e mulleres no patriarcado no que, non o esquezamos, aínda vivimos, por moito que loitemos contra el e os seus velenos cada segundo das nosas vidas. “Vermella con lobos”, “Quérote, Pai Pan, dixo Tigridia”, “Os meus ollos falaban ao corazón máis fondo que o fermoso canto das escravas”, “Lugar para ti” e “O cuarto oculto” falan especialmente disto. O último denuncia, con amor, o intolerable maltrato do acoso e “Vermella con lobos” e “Os meus ollos…” son dúas parábolas do patriarcado que agardo que un día podan ser entendidas por todas as persoas.

Como o coñecemos hoxe o conto tradicional de Carapucha Vermella, por exemplo, trata os temas do deber, do pracer e do perigo, tal como os vía unha sociedade patriarcal, cristiá e agrícola-gandeira que temía ao lobo e que o tiña demonizado. Hoxe comprendemos o conto porque coñecemos como era e como é aínda esa sociedade residual, mais está claro que non produce os mesmos efectos que producía, polo menos non os produce no contexto dunha sociedade de cultura dominante urbana e mentalidade ecoloxista na que o lobo é un animal protexido e de grande atractivo, como todos os animais salvaxes. Mais, o conto é moi complexo e contén contos anteriores que trataban da relación de nais e fillas e avoas e netas, así como da chegada á puberdade das nenas e da súa educación represiva, en fin, da conflitividade das relacións das mulleres de distintas idades e do seu control dentro do patriarcado. Eu, muller progresista do meu tempo, collín todas estas historias e fixen un conto de amor libertario entre Carapucha e o lobo, unha historia que exalta o pracer anteriormente demonizado, unha historia na que a avoa lle dá a coñecer ese pracer á neta, unha historia na que a nai non lle prohibe o pracer á filla, unha historia na que os amantes se aman libremente mais coñecendo todos os riscos do amor, unha historia ecoloxista de amor aos lobos na que se lembran os nomes eufemísticos que a nosa lingua lle deu a este noso tótem e animal tabú… Mais fixen deliberadamente unha historia con dúas partes moi distintas para contar tamén outras historias de amor de final non feliz, porque é imposible o entendemento dos amantes sen liberdade total na relación, se os dous non se dan a plena liberdade mutuamente, unha liberdade dificilísima de acadar no patriarcado que nos ata. E fixen ademais unha historia tremendamente ambigua que puidese ser a historia de amor que a min máis me gustaba, mais eu creando déixome levar pola ousadía do pracer máis polimorfo e así fixen que puidese ser a historia de moitos amores e hai unha posible historia de amor heterosexual e outra de amor homosexual e unha de amantes iguais en idade e outra de amantes con moita diferenza de anos…

O caso de “Alicia en Galicia”, por poñer outro exemplo, foi moi distinto, pois Alicia no país das marabillas e Alicia do outro lado do espello eran xa unhas historias moi abertas e progresistas. O meu reto, para min absolutamente necesario, foi abrilas aínda moito máis para abrir tamén, se fose posible, o noso presente e o noso futuro. Collín o personaxe de Alicia, un emblema universal da liberdade, da utopía e dos soños, especialmente amado polo feminismo, e fíxena galega e púxena a soñar en Galicia, traspasando o espello dos reais desastres e horrores cotiás, os nosos malditos males endémicos creadores de pequenos infernos tristísimos, para facer de Galicia un lugar alegre e paradisíaco, o País das Marabillas e o Xardín das Delicias, onde habitaban con toda naturalidade a verdade, a liberdade, o amor e a beleza máis radicais e profundos, un lugar libre onde unha muller libre puidese soster sempre o sorriso, durante todas as idades da súa vida. O conto comeza seguindo a Shakespeare e dicindo “O amor nace, vive e morre nos ollos. Non o deixarei morrer”. Para que non morrese en min o amor a Galicia, asasinado unha e outra vez polos infernos sociais de cada día, para iso escribín este canto permanente de amor ao lugar, por se lle pode servir a alguén máis e, sobre todo, para propagar o bo que temos e para que algún día o lugar resplandeza todo coa beleza de Augas Santas, poño por caso, unha das nosas marabillas do mundo.

Os clásicos están vivos se valen para a vida e valen se os revivimos con amor mirándoos de novo cos nosos ollos. En Vermella con lobos mireinos cos meus ollos amorosos e escribinos de novo con verdades vivas de ficción preñadas dos meus soños. Penso que co meu acto a verdade resplandece, porque, como se di nas mil e unha noites, a verdade non está nun soño senón en moitos soños.

Anúncios

Autor: peganolivro

Clubes de leitura da Galiza com algum livro em português

Os comentários estão desativados.