Pega no livro

Clubes de leitura da Galiza com algum livro em português


Homenaxe a Severiano

O 23 de novembro do 2014 Bretoña fíxolle honra ao seu nome, coma tantas veces, hoxe non podía faltar. Pois neste país de brétemas, o barruzo que ven en forma de nuvem dende a mariña, e cambia no monte de Carracedo convertíndose en pequeniñas pingas de auga, que veñen a caer enriba das nosas cabezas, nas nosas terras, nas nosas árbores, axudándolles a medrar e fortalecéndoas, e tamén contribuíndo, penso eu, a formar o carácter dos britonienses.

carracedo

Un grupo de veciñ@s, amig@s, integrantes do clube de leitura Paco Martín e da asociación Auruxeira, reunímonos no teleclub, para ir xuntos (a unión fai a forza) ata o cemiterio, onde repousan os restos de quen hoxe faltaba, e a quen iamos a homenaxear, o noso amigo Seve.

Cesar, un magnífico gaiteiro de Cantabria, ropeu o xeo,  interpretando Viva la Montaña, pasando logo Antonio a ler un escrito firmado polos alí presentes de recordo e recoñecemento.

Tamén participou o Joseph, por boca de Belén, con quen disfrutamos da fermosa paisaxe que nos agasalla o “rio Miño entre Salvaterra e Monçao, entre Galiza e Portugal” cunha mensaxe chea de gratitude e lembranza e co poema de Celso Emilio Ferreiro, Irmáus.

Despois, o escultor Villapol, elevounos durante uns minutiños a otros lugares, outras dimensións, outros mundos, entre seres mitolóxicos e trovadores, algún sitio a onde Seve debeu de ir, e onde agora debe estar.

A Marcha Procesional de Pontevedra saíu de novo da gaita de Cesar, introducindo as poesías Unha vez de Celso Emilio Ferreiro, que nos ofreceu Paula, e  Poema do home que quixo vivir de Bernardino Graña, que  trouxo Sigrid.

Como non nos conformamos co efímero que son as palabras no aire (aquí somos así), decidimos gravalas nunha plaquiña de aceiro onde recollemos a estrofa

“A memoria será ao final

     un lugar no que atoparse.”

de Baldo Ramos, para que así ficase para sempre.

Por último,  non podendo ser doutra maneira, o Himno do antigo reino de Galicia foi o que o gaiteiro cántabro fixo soar, unha das pezas preferidas de Seve.


Olalla e Cris coñecen o club de lectura Paco Martín.

O pasado sábado 18 de maio o club de lectura Paco Martín tivemos unha xuntanza para conversar e comentar o libro que estabamos a ler: “Homes de tras da Corda” de Carlos G. Reigosa, co cal xa rematamos.

ImagemPero este encontro non foi un máis, senón que foi unha tertulia especial xa que recibimos a grata visita de Olalla e Cris.

Estas dúas rapazas, que nos eran descoñecidas ata ese momento, presentáronnos un proxecto moi interesante que están a desenvolver un grupiño de catro ou cinco persoas e que consiste básicamente en levar ás aldeas pequenas aquelas actividades socioculturais das que só se pode disfrutar e participar nas vilas meirandes ou nas cidades. Sen necesidade de que sexan sempre o/as aldeáns quen teñan que desprazarse para poder acudir a estes eventos, e deixar aos sitios pequenos sen ningunha oferta deste tipo.

Olalla e Cris contáronnos que unha das propostas na que están a pensar é a de criar clubes de lectura e foi por iso polo que decidiron vir a Bretoña, para observar como podería funcionar esa idea noutras aldeas parecidas a nosa.

Á reunión dese sábado non foi precisamente cando a maioría do/as asiduo/as das outras voltas fixeron presenza; tamén é sabido que nos reloxios de Bretoña, as agullas van a outro compás, pero pouco a pouco foi chegando a xente e puidemos formar dous equipos, “As de Acó” e “As do Pedredo” para xogar ao redor dos contos dos homes de tras das Corda. Por certo, gañaron “As do Pedredo” que recibirán o agasallo sorpresa na seguinte xuntaza.

Mentres xogamos a timidez inicial foise alonxando, e as anfitrionas fóronlles contando ás nosas convidadas esas historias que saen a raíz do libro que se le, e que sempre sempre superan calquera dos relatos escritos. Ao mesmo tempo, Olalla e Cris, Cris e Olalla, dábannos as súas opinións e tamén nos ian relatando como pensan levar adiante o brilante plan, comezando en aldeas de Becerreá, onde teñen os seus traballos e onde lles gustaría deixar unha semente antes de ter que marchar dese lugar.

 Pasamos unha tarde moi agradable. Esperamos que este encontro servise para darlles un pulo e animar a estas mulleres a que sigan para adiante con ese gran proxecto.

Tamén queremos agradecerlles o seu interese por nós, e propoñemos novos encontros cos clubes que seguro van a nacer dese gran.

Imagem


Un ano de vida para o Clube de lectura Paco Martín (Bretoña)

Era un tarde húmida; choiva, aire norteo de Carracedo, unha cheminea que non tira. O típico día de inverno nunha vila entre a mariña e a chaira: Bretoña.

Durante os días previos, os membros do Club de lectura Paco Martín andaron atarefados para deixar o Teleclube o máis presentable posible; cadeiras novas, unha vasoira que limpa o chan, as estufas quentando o ambiente, empanadas da terra,…

O sábado 29 decembro celebrábase o primeiro aniversario do club. O seu nome está adicado a unha figura literaria lucense: Paco Martín. Non podía ser de outro xeito; veu Paco Martín para celebrar o evento.

As cinco da tarde, todo listo. As primeiras persoas empezan a chegar ao teleclube. Entre os máis puntuais, Paco Martín e varios membros da súa familia. Paco deixou unha pegada fonda en Bretoña -onde foi mestre nos anos oitenta- e nos seus habitantes. Moitos britoniense foron alumnos. Algúns lembran as súas clases, outros os seus tiróns de orellas. Paco estaba de novo no teleclube, o mesmo teleclube no que dera clases trinta anos atrás. Algún dos seus ex-alumnos estaban presentes.

Un grupo nutrido de xente achegouse; máis dunha vintena, menos dunha trintena. Todo por escoitar a Paco. Algúns tamén por degustar os sabores dos petiscos. Outros por ouvir os contos da xente de Bretoña a carón do lume: lume imaxinario.

A velada animase escoitando as anécdotas de Paco. As súas lembranzas do seu paso por Bretoña. A importancia que tivo esa vila na súa carreira literaria. Lembra como “Das cousas de Ramón Lamote” se xesta nesta vila con tanta historia.

Deixa, unhas cantas frases para a reflexión:

O libro é deses que nace cunha flor no cu”

Paco Martín, en referencia ao éxito de “Das cousas de Ramón Lamote”

O humor só manca aos estúpidos. É unha arma magnifica”

Cando é preguntado pola acidez de “Das cousas de Ramón Lamote” contra os políticos.

Na charla, animada polas intervencións de varios asistentes, saen a palestra figuras do talle de Álvaro Cunqueiro ou Manuel María. Entre os asistentes encontrase Primitivo Iglesias, Rexedor do Concello de A Pastoriza e catedrático de lingua e literatura galega, que aportou pingas interesantes a unha discusión de moitos quilates.

Sobre a figura de Cunqueiro as referencias foron continuas. Martín desprende, a longo de toda a charla, unha forte admiración por Cunqueiro. Textualmente di:

Cunqueiro é un dos mellores escritores que deu o século XX”

Paco Martín

Neste senso fai unha relación dos fortes lazos que ten Cunqueiro co Concello de A Pastoriza, onde, por exemplo, ten lugar algún dos relatos de Cunqueiro: “Melle de Loboso”. Tamén se destacan as referencias cunqueirianas a unha personaxe importante na Bretoña do século XX; o cura grande de Bretoña, do que todos os britonienses escoitamos.

Paco non pode obviar -na súa charla- a grande capacidade de fabular de Cunqueiro. Desvela como o propio Álvaro lle conta con detalle unha novela que presuntamente está escribir pero que en realidade non é máis que froito dunha espontánea improvisación. Manuel María -revela Martín- tamén é vítima de Cunqueiro ao relatarlle toda a trama dunha obra de teatro na que presuntamente estaba a traballar: era falso.

Pese a ter un político na sala. Os ataques contra esta clase son finos coma un insecto pao e picantes coma o lombo dun “lizcacheiro”.

Os políticos non tiñan que ler máis; tiñan que ler algo”

Paco Martín

A anterior frase céntranos de novo no libro “Das cousas de Ramón Lamote” e a visita que fai Lamote a casa do rexedor, onde, tras facer máis pracenteira a espera cun libro, a muller do rexedor lle di a Lamote, que o seu home, unha vez ollara un. Simplemente xenial.

No punto álxido da disertación, Paco Martín, revela o seu truco de escritor, para, cando necesita un nome para unha personaxe e non se lle ocorre nada; as necrolóxicas do diario “El Progreso”. Falta o máis sorpréndete. Cando Paco Martín -o escritor- recibe una chamada de Ramón Lamote -a persoa-. Incluso chegan a dar un paseo xuntos por Lugo. O señor Ramón Lamote vive e reside en Tarragona.

A charla vai rematando. Tocase outro tema interesante para finalizar: escribir en galego nos anos setenta e oitenta.

O feito de escribir en galego facía que as autoridades te miraran mal”

Paco Martín

Imagem

Tras o coloquio chega o momento para que as xentes de Bretoña sexan as protagonistas. Contos, contos e mais. Contos a carón do lume sen lume.

Algúns dos mellores conta contos da bisbarra están presentes celebrando o aniversario do club de lectura; José de Mel, Siro Chao, Leonor de Quilino, Celina de Francos,… Todos rememoran vellas historias presentes no imaxinario colectivo da parroquia, intercalándoas con outros contos imaxinarios, mostrando as súas habilidades para cativar aos presentes.

O tempo pasa caladiño pero rápido, empezamos fai un par de horas: xa é de noite. Pasa o tempo da formalidade; chea o tempo da troula. Deixamos a cadeiras a un lado e achegamos a unha mesa chea de pequenos tesouros; pequena empanada, pequenos freixós, pequenos vasos de viño do pais… É o momento da charla distendida, mentres se enche o bandullo. O momento de confraternizar. O tempo de arranxar o país.

Pasa o tempo. Paulatinamente a xente vaise despedindo ata outra ocasión. Os máis atrasados apuran un pouco de chocolate e uns doces romaneses que comemos coma se levásemos varios días de xaxún. A guinda final, pona un licor romanés que entra moi ben cando estás sentado, pero, que despois non quere deixar que te ergas.

Así discursou o primeiro aniversario do club de lectura Paco Martín. Así agardamos que sexa o segundo,… ou mellor se cabe.

Imagem

Texto e fotografias: Seve (Bretoña)


A Peste da Janice no clube Paco Martín

Imagem

No dia 7 de julho, a Pega voou a terras de Bretonha com a Peste da Janice no bico. Foi bem recebida polo Clube de Leitura Paco Martín, com clubistas entre os 8 meses e os 75 anos de idade.

A sessão iniciou-se com algumas palavras em bretonhês, escritas na ortografia internacional do galego. Puxavante, Lhegre ou Alorar fôrom algumas das palavras que aprendemos — quem tenha curiosidade por saber o que elas significam, terá de vir a Bretonha no dia 15 de setembro, para o nosso primeiro encontro de clubes.

A conversa sobre o conto A Peste da Janice enveredou polo tema da discriminação na escola. Falamos das escolas de antigamente e de agora, do Luxemburgo e da Galiza. O Siro surpreendeu-nos com a interpretação mais original do conto: para ele, a amiga da Janice é uma amiga imaginária, uma aliada para enfrentar a adversidade. Ficamos com vontade de reler o conto desde esse novo ponto de vista!

Depois de resolver alguns problemas técnicos, conseguimos ver a curtametragem baseada no conto. A principal conclusão que tiramos foi que a escola do filme tinha um chão exatamente igual ao da escola de Bretonha onde se realizam as reuniões do clube Paco Martim. Só a Pega poderia esclarecer o enigma desta coincidência.

A sessão encerrou-se com vinho do Porto, merenda e algo de música.

O ato tivo o patrocínio da raposinha dos morganços, que deitou lume pola boca para afastar o perigo de barruço.

O jornal El Progreso (edição da Terra Chã) recolheu o evento em notícia publicada no dia 8 de julho.


Clube de Leitura Paco Martín, Bretonha

 

Aló polo 26 de decembro do 2011 nace o clube de lectura de Bretoña, fruto da semente que a Pega trouxo no bico, e non secou nin lle fixo falta abono, pois seguimos adiante, iso sí, paseniñamente, como se cociña un bon xantar.

Empezamos só con xente do propio pobo, invitamos a quen queira a que se una a este magnífico proxecto, sexan de onde sexan, e según nos van coñecendo vaisenos unindo xente, entre eles, o alcalde, e tamén o escritor Paco Martín, que na sua honra puxémoslle de nome ao clube: Clube de Lectura Paco Martín. É un clube formado por xente moi diversa, tanto en idade como en ideas e isto fai que as xuntanzas sexan interesantes e divertidas.

O primeiro libro que escollemos é O club da calceta, de María Rimóndez, e que aínda estamos lendo (xa dixen que aquí vaise amodiño) e entre outras actividades programadas, temos a intención de remata-lo cunha visita de María e o visionado da película. Tamén hai algún membro do clube que está calcetando.

A próxima obra aínda non a decidimos, pero polo medio meteremos algún conto do libro “O Conto Brasileiro Comtemporâneo”, un novo reto para o noso clube.