Título:
Velaquí unha novela da que a primeira cousa que nos sorprende é o título: a lúa da colleita vén sendo unha fase da lúa, o plenilunio, a lúa chea, asociada co fin do verán, finais de agosto, primeiros de setembro, cando a natureza está no seu mellor, dando os froitos tralos calores do verán, cando as mareas son máis pronunciadas, mareas vivas, e en terra todo frutifica e madura.
En varias partes do libro aparece a posible explicación do título: cando Bet esperta cunha deliciosa sensación de ter sido posuída, só se lle ocorre exclamar:“amence a lúa da colleita”.
Noutro momento, a medio camiño entre delirios e realidade, a protagonista di que quere brillar como “a lúa da colleita”.
Tempo:
O relato comeza nun verán dos anos 70, cando a protagonista aínda ía ó instituto e vivía os seus primeiros amores adolescentes. Remata en agosto do 92.
Lugar:
Pobo mariñeiro perto da desembocadura do Ulla, na ría de Arousa. Máis adiante, Madrid serve de fondo ás vivencias da protagonista.
Personaxes:
Nuria-Bet son a mesma persoa en diferentes momentos da vida. Ela mesma lémbrase a sí mesma como unha muller forte, pero iso era antes de aceptar a Bet como parte da súa vida.
Realidade ou soño?: Os soños son pesadelos ( nenos pendurados dun gancho , coma nunha carnicería). A mestura vai in crescendo ó longo do relato, de xeito que como lectores cústanos establecer límites entre o real e o onírico, entre a realidade obxetiva e a realidade vislumbrada entre delirios e alucinacións por parte da protagonista.
Doenza mental?:
A protagonista percibe sensacións auditivas, olfativas e visións que non se corresponden coa realidade: a muller do bañador, as manchas no apartamento , os recendos , presentía presenzas onde só había desorde. Todo parecía licuarse arredor. Moitas veces está paralizada polo terror, un terror irracional.
Todo se sucede nunha alternancia de soños e estados de vixilia.
Persoas que se van cruzando no seu camiño coma Happy dille “ Estás mal da cabeza ou que?”
Sempre esperta esgotada. Está obsesionada polo desexo de ser dona de si. Para apartarse de tanto malestar, nada até esgotarse. “ Nadou contra si mesma”.
Vía as cousas a través de hologramas: son como proxecións, como se puidese atravesar as cousas e iso prodúcelle unha desacougante sensación de irrealidade. Todo iso convertía nunha persoa irresponsable e desorganizada, con actitudes infantís. Pensa que a vida non pode ser iso, que un día espertaría. Non pode dicir que todo o
que a rodea é un tempo esférico, todo son hologramas e voces. Non o quere dicir para que non se diga que “está mal da cabeza”.
Atérralle lembrar cousas que non sabe se ocorreron.
Teme as olladas das persoas , por se a miran con desprezo, porque tal vez adiviñen os seus pensamentos.
Padece de insomnio. A muller do bañador aparéceselle por todas partes. Como ten medo, non quere saír da casa. É unha prisioneira no seu propio apartamento. Ve cousas estrañas nos espellos. Todo está nun absoluto desorde. Todo o que quería era “ “ser libre sen límites” e mais “ vivir sen tantas voces na cabeza”.
Imaxes literarias:
dunha extraordinaria beleza: “Tiña medo de desfacerse en grans de millo polo universo”. A cadea de prata que lle regalara un amigo obraba coma “ un dique de contención”.
Para explicar un brote na súa enfermidade, a autora describe así o estado mental da protagonista: Sente unha “vertixe coma se estalasen todas as esferas e arrastrasen os hologramas.” “O tempo debullouse coma unha mazaroca. Os hologramas voaron polo aire. Oía voces tan fortes que lle ferían os tímpanos. O mar voaba e o ceo era mar. O peor eran os olores, o da pega que podrecera no balcón”.
Conclusión:
Se en máis dunha entrevista, a autora, Anxos Sumai, di que non quere que se vexa unha enfermidade mental no caso da protagonista, é a súa opción como escritora, pero a nós como lectores sempre nos queda a posibilidade de ver na historia que nos relata, un xeito magnífico, e tremendamente cru, de analizar o que desde fóra parece unha esquizofrenia, con todas as reservas que nos dá non ser nada expertos na materia.
Você precisa fazer login para comentar.